Resumos
Resumo
María Eugenia Bolaño Amigo (Universidade de Santiago de Compostela)
Identidades negadas. Infancias e horizonte social galego no abrente do século XX
O estudo da infancia e das súas representacións constitúe un ámbito de interese ascendente desde que Philippe Ariès priorizou o estudo das mesmas a través dos seus traballos, proxectados desde a perspectiva da denominada historia das mentalidades e da historia da vida privada. Estudar ditas representacións e as súas incidencias tanto nos suxeitos representados como nas propias sociedades que representan, foi e continúa a ser unha temática de estudo relevante.
Mediante o proceso de realización da Tese de Doutoramento Representacións textuais e icónicas da infancia, da primeira adolescencia e da súa educación en revistas culturais e en prensa gráfica galega (Galiza, Bos Aires e A Habana) e madrileña: 1915-1936. Entre o Naturalismo, a Socialización e a Distinción Social, dirixida polo Dr. Antón Costa Rico (Universidade de Santiago de Compostela) e a Dra. María del Mar del Pozo Andrés (Universidad de Alcalá de Henares), puidemos analizar as diversas representacións da infancia e da súa educación que se trasladan en diversos medios de comunicación que, alén de suscitar estados de opinión, xeraron representacións de presente e de futuro social, permitíndonos indagar no mellor coñecemento dos proxectos sociais e culturais da época.
Tomando a devandita investigación como punto de partida, nesta comunicación pretendemos, en particular, reflexionar arredor das representacións da infancia e da súa educación que, na prensa galega analizada (tanto no que se refire a aquela da Galiza territorial como á da Galiza de alén mar que tomamos como mostra), se proxectan en relación ás cuestións identitarias ligadas ás construcións de xénero, de clase social e de nación. Igualmente, efectuaremos unha aproximación aos interrogantes, dificultades e propostas metodolóxicas que xurdiron en relación ao proceso de elaboración da Tese de Doutoramento.